RELATO DE VERÁN POR ADELA FIGUEROA



RELATO DE VERÁN

POR ADELA FIGUEROA

"FORNADA NA CASA DE MONTSE"


AGOSTO DE 2009 UN BO TEMPO PARA FACER FORNADAS.

A casa da Peza, no Val do Neira.

Desde a Casa o Val ábrese até onde alcanzar a vista como se unha ave voase a rentes do chan . Os nosos ollos a voar baixiño sobre os panascos , as casas , os camiños ,impulsam para remontar o voo que permite chegar até as montañas onde se ocultan Becerreá e as Nogais . Camiño de Castela. Un fermoso lugar para facermos unha fornada de verao.

Na véspera xa Filomena preparara o formento para que levedasse fervendo toda a noite.

O día estaba bo. Non chovía nin facía sol . Ideal para roxar un bo forno. Manolo ,un veciño, niso mostrouse experto. Mais tivo que agardar até a tarde para mostrarnos a súa experiencia. Era necesario que a fariña fose amasada co fermento . Auga quente e fariña centea para se mesturar na artesa que debeu ver moitas fornadas na súa vida. Artesa de madeira de castiñeiro , resistente e rexa. Boa para gardar a masa do pan e os bolos xa cocidos.

Non é así tan fácil prepar a masa. Filomena como unha comandanta ía dando instrucións e consellos. De cando en cando dicía: <<- vén acá aprende como se fai. Ves, remexe-se ben . Finca cos puños ,que non fique nada sen se mesturar>> .

Logo que se conseguiran mesturar fariña e auga engadidas á masa da noite anterior, compre facer bailar aquela grande medusa branca dentro da artesa.

-Finca unha mao despois da outra , cos dedos dereitos, agora co puño , mao dereita mao esquerda, dedos dunha mao dedos da outra , puño dereito puño esquerdo a gramar no pan.

Coma pandereiteiras do centeo ao ritmo da cadencia dun paso dobre . Ou quizais dun canto de berce. …

As pequenas tamén querían meter as maos na masa. Como non ! Uxia , co seu Xeitinho serio e responsábel de oito anos maduros, Marta Xogueteira e despreocupada , Sabeliña con aquelas maos de catro aniños mimosas . Todas aprendemos a virar os anacos de masa que Filomena ía cortando cando o total xa non se podía mover con soltura. Treito a treito , voltos e bailados fóronse apillando no extremo da artesa. Cada un cima dos outros . Masa sobre masa . Ben mesturada , ben golpeada ben torcida.:

Tronl-tronl dúas maos dentro da artessa até cansar ao centeio feito pasta de fartura.

Alí ficou , no escuro,gardado na caixa de castiñeiro , como a crisálida dunha bolboreta. Repousando en silencio na soedade do dragón que non quere que o acorden antes de tempo.

En canto a grande ameba durmía a xente deuse un bo descanso e lecer á volta da boa mesa da Casa da Peza . Repolos e cabaciños tomates e leitugas ,cebolas e ovos todo da horta . Cociña da Montse e caldo da Filomena, que , abofé , é a súa especialidade polo gostoso que sabía. Como din en Lugo : Mao!.

Catro ou cinco horas pasadas , hai qu' ir abrir a caixa dos segredos. Imos ver aquela mestura de centeo ,sal e auga. Como unha ameba xigante conseguira reptar polo fondo de madeira facendo como unha colada de lava de alimentar. Os ollos abríanse dentro da masa e o recendo a fartura enchía o pendello do forno .A artessa ía ser agora acariñada e golpeada por maos experiente e torpes grazas a gardar aquel tesouro odoroso . A artesa parecía diferenciar ben unhas das outras. Os movementos precisos de Filomena e da súa ben ensinada Montse e os torpes das outras.

Manolo xa prendera o lume. Cunha vara longa ía o movendo dentro do forno. Hai que o quecer por toda parte igual porque as pedras que fican en baixo do fogo non quecen. Por iso o varal longo movía o lume dunha parte para a outra. As brasas ían caendo á fornela.. Lois mediu a súa temperatura 600ºC!. A discusión era acerca do momento en que está pronto o forno para cocer. De roxo ten que pasar a branco., baixo a experiente ollada de Manolo. So cando os ladrillos das paredes alcancen esa cor é que o forno está preparado para acoller os bolos ou o que for.

Cebolas córtaranse unhas poucas! E pimentos . Para faceren de cama a liscos de toucim e chourizo ,para empanada,de torresmos ou atum.

Fatias de mazá cortada agardaban na súa tina para encher outra empanada.

As meniñas tamén traballaran facendo os seus bolos. Cadanseu bolo- preñado con chourizo e toucim persoalizados:Uxia , Marta, Sabela...

O rolo de estiricar voaba. Enrolada no cilindro de madeira a masa estirada facía de leito do amoado (liscos ou atum) ou mazá cortada , ou de tapa para as empanadas. Todas aprendemos a facer pans baixo as instrucións da Filomena , transformada en mestra , comandante ou monitora .

Finalmente foron 14 bolos tres empanadas e catro bolos preñados. O forno ben varrido coa vasoira de xesta, ficou cheo. Lois calculoulle a tª, aproximadamente 400º no inicio da fornada descendendo a 200º antes de fechar a porta.

Alí tén o costume de lle dar a volta as empanadas. Eu nunca vira. Mais o resultado final ficou moi bo. Os pans de centeio , da casa, ben ollados e as empanadas ricas e gostosas. Foron maos experientes . Con moitas fornadas ao lombo. De épocas en que non se compraba pan para a casa. Só se comía o que se cocia no lar. Tempos en que unha muller soa era capaz de facer todo o traballo : Ir ao moinho para a fariña,amasar, roxar , varrer, facer os pans,as empanadas, mételas no forno , atender os nenos que andaban ao redor,e tirar a fornada cando estiver pronta. Gardar todos os bolos para que durasen o tempo entre dúas fornadas...... en canto os homes estaban fóra , na Suíza ou na Francia, en Barcelona ou Bilbao, gañando un diñeiro necesario para que as familias mellorasen a súas vidas.

Hoxe é un traballo bonito. Propio das vacacións , ou dun fin de semana en que os amigos se xuntan para lembraren os vellos ofícios. E para gozar cos sabores auténticos doutros tempos que agora xa non hai. Para que os nenos d'hoxe saiban como se pode sobrevivir sen supermercados e aprendan os recendos e sabores que gardamos no fondo das nosas memorias e as vivencias doutrora en que , como elas, faciamos bonecos de pan para meter no forno en canto os maiores facían con seriedade a comida de moitos días. Tempos en que os veciños xuntábanse para se axudaren os uns aos outros , porque todo se facía na casa e o traballo e lecer ían xuntos e eran compartidos.

Hoxe sabemos que o pan vén sempre á nosa casa, mais tamén agradecemos un día de convívio a partillarmos unha tarefa tan fermosa como o é a de facer unha fornada . Grazas por que aínda o puidemos levar a cabo.